Por Óscar Otero —
Este fin de semana xuntámonos moitos dos ex-traballadores de Acordar, o primeiro sitio no que traballei como deseñador Web. Acordar foi unha das pioneiras da Web en Galiza, traballando para clientes como a Xunta, Concello de Santiago, Sargadelos, Banco Pastor, etc. Pero seguramente o seu proxecto máis coñecido foi Vieiros, o primeiro xornal 100% dixital galego que, a pesares de ter pechado en 2010, aínda segue sendo accesíbel.
Traballei durante 5 anos en Acordar/Vieiros —tecnicamente dúas empresas diferentes pero separadas por unha liña difusa—. Foi o lugar que me viu nacer como «profesional da web» (antes diso traballei un par de anos como deseñador gráfico), e onde coñecín á xente coa que logo montaríamos A navalla suíza.
Foi xenial poder atoparme de novo con xente que levaba case 20 anos sen ver, como César, Anxo, Ana Triñanes, Antonia, Jéssica, Pedro, Conchi… De feito a algúns tiven que lle pedir que me lembrasen o nome porque xa non me acordaba (son especialmente malo para lembrar nomes). Houbo conversas moi interesantes e divertidas, e incluso en moitos momentos parecía que non pasase o tempo.
Botáronse en falta ausencias como a de Rachel (que se despistou e non se chegou a apuntar), de Lito (que se apuntou pero confundiu xantar con cea) ou Berto e María (que colleron gripe). Oxalá poidamos repetir e poidan vir.
{.fullwidth transform-images="jpg avif
1000@2"}
Fotografía de César Galdo.