Affinity é de balde

Por Óscar Otero

Acabo de saber que Affinity, o software de deseño que é unha alternativa a Adobe, pasou a ser de balde. Eu levo usándoo dende hai anos para cousas puntuais. No día a día uso Figma pero de vez en cando teño que facer algo para o Mundo Real™ e prefiro traballar en centímetros en vez de píxeles.

A diferencia de Adobe Creative Cloud, Affinity non require dunha subscrición mensual senón que se paga unha soa vez —uns 50€ máis ou menos— e xa é teu para sempre. Ou iso era ata agora, porque despois de ser comprada por Canva o ano pasado, acaban de poñelo 100% gratuíto.

Xa sabemos que «se non pagas polo produto, o produto es ti» así que, onde está a trampa? Segundo Cameron Adams (CPO de Canva) non a hai. Simplemente contan que canta máis xente use Affinity, máis posibilidades hai de que usen Canva. É dicir, Affinity pasa a ser un xerador de leads pero prometen que o van seguir mantendo e que non van facer nada malo como vender os teus datos ou usalos para adestrar unha IA. Oxalá sexa verdade!