Por Óscar Otero —
Comparto algunhas cousas que hai na rede relacionadas con cores que me chamaron a atención e que poden servir para solucionar un deseño ou pasar un cacho divertido.
A primeira delas é Dialeg, un xogo onde che poñen cinco segundos para memorizar unha cor e logo tes que reproducila usando os típicos selectores de HSL. Moi divertido aínda un pouco fodido.
Tamén me gustou bastante What's My ΔE(OK) JND (o nome non o pillo), onde tes que pinchar xusto onde se xuntas as dúas cores. Ao principio parece fácil pero vaise complicando. Supoño que a calidade da pantalla que teñas tamén inflúe na dificultade.
OKLCH é o meu selector de cor de referencia, agora que uso oklch en todo o CSS que fago. Ademais permite transformar a cor a diferentes modos de cor (hexadecimal, rgb, hsl, etc). Cando me preguntan cal é a cor corporativa de Cluber (a empresa na que traballo, pásolle a ligazón e listo).
Ás veces, cando non me quero complicar, uso as cores nomeadas de CSS. Por que usar códigos hexadecimais ou coordenadas LCH cando podes poñer simplemente «powderblue», «springgreen» ou «olive»? Esta ferramenta permite atopar facilmente este tipo de cores.