Por Óscar Otero —

Fotografía de La Diapo.
Os días 7 e 8 de novembro celebrouse o FEED 2025, a oitava edición do foro de deseño que organiza a DAG cada dous anos. Igual que todas as anteriores edicións, este ano tampouco defraudou. Quizais foi a edición onde menos asistencia houbo xa que, a diferencia doutros anos, as escolas de deseño non organizaron viaxes para que os estudantes puidesen asistir ás conferencias (o da mobilización das escolas é un tema complicado). Pero persoalmente foi unha das edicións onde máis o gocei.
O venres abriu a xornada o OFF FEED, unha novidade dentro do FEED consitente nun conxunto de charlas curtas para presentar proxectos e iniciativas. María Ramos falounos de Font Licensing Mess, o proxecto de investigación que fixo xunto a Ana Moliz para analizar as licenzas das fundicións tipográficas e no que tiven a sorte de poder colaborar facendo o deseño e a construción da web.
Despois foi a quenda de Raquel Boo, que xunto a Aitana García (da Federación Autismo Galicia) falaron de accesibilidade e do importante que é dispoñer de versións simplificadas e fáciles de entender dos contidos. Tamén descubrín os SAAC (Sistemas Aumentativos e Alternativos de comunicación), unhas cartas con pictogramas que serven para comunicarse con persoas con problemas cognitivos. O goberno de Aragón desenvolveu estas ilustracións que se converteron practicamente nun estándar.
Despois foi a miña quenda, que xunto a Pablo Silva falamos dos avances de ARDE, o proxecto para a creación dun arquivo do deseño galego que inclúe un arquivo sonoro con entrevistas a deseñadores e deseñadoras galegas.
Pecharon a xornada Uqui Permui e Paula Cantero do grupo GEN do READ (GEN = Gráficas en Negro). Presentáronnos reXenerando, un artefacto en forma de xogo de cartas que estiveron desenvolvendo para incluír a perspectiva de xénero nos procesos de deseño.
Stef Silva, fundadora e directora creativa de Invisible, falounos sobre o deseño especulativo (algo totalmente novo para min). É unha modalidade de deseño onde se proxectan diferentes futuros posibles analizando o status quo. A análise das sinais do presente para imaxinarmos como poderá ser o mundo dentro de vinte anos —ou polo menos ter varias hipóteses—, é algo moi valioso para as grandes empresas que lles axudan a definir as estratexias a longo prazo. Ademáis, pode axudarmos a tomar decisións de deseño para corrixir aquelo que non queremos que suceda e favorecer o que nos achege a ese futuro desexado.
Patricia Portela, deseñadora que acaba de incorporarse recentemente ao estudio Costa, falounos da súa experiencia laboral e fixo un decálogo de dez cousas que lle diría á Patricia do pasado. Foi unha charla moi fresca e amena que neste tipo de eventos se agradece bastante.
Despois tivemos a presentación de proxectos por parte de estudantes das diferentes escolas de deseño de Galiza. Unha sección interesante para coñecer o que fan os futuros profesionais do deseño. Como en edicións anteriores, todos estaban nerviosos e quizais se fixo un pouco longo de máis porque non respectaron o tempo límite de 8 minutos por presentación. Pero puidose ver moito potencial e boas ideas nas propostas.
E para rematar a primeira xornada, unha mesa redonda falando sobre a intelixencia artificial e de como afecta ou afectará ao mundo do deseño e aos seus profesionais. Nela mencionáronse os problemas coa propiedade intelectual, o alto consumo de enerxía ou calidade dos resultados a longo prazo —a IA pode acabar adestrándose con material xerado por ela mesma. Lembrades o das vacas tolas?— Pola parte positiva falouse sobre as vantaxes en canto a rapidez á hora de prototipar ou visualizar solucións. Foi interesante ver os diferentes puntos de vista.
A mañá do sábado asistín ao obradoiro de Stef Silva sobre achegamentos ao pensamento de futuros. Foi un taller bastante divertido onde tiñamos que construír narrativas sobre un hipotético futuro e como a sociedade, tecnoloxía, economía, ecoloxía, política e valores se verían afectados. Unha das cousas máis importantes no deseño especulativo é a construción de historias, xa que dependendo de como se conten as cousas, pode chegar mellor ou peor á xente. Non se trata tanto de predecir o futuro de forma fiable, senón de usar historias para comunicar conceptos que nos fagan pensar. Un exemplo que nos puxo foi Planet City, un exercicio de Lian Young onde proxecta un mundo onde toda a humanidade está concentrada nunha única cidade, que ocuparía un 0,04% da superficie do planeta, deixando o resto á natureza. Unha idea imposible de realizar pero que xenera moitas preguntas interesantes e algunhas potenciais solucións.
A tarde comezou con Jorge Martínez falándonos da visualización de datos e de como a biblioteca de JavaScript D3.js supuxo unha ruptura á hora deseñar e construír diferentes formas de visualizar datos. A verdade é que cada vez que D3.js se cruza na miña vida, danme ganas de facer cousas con ela, pero por unha razón ou outra, nunca acabo facendo nada. A ver se un día me poño!
Mariola López, deseñadora galega que leva moitos anos en Amsterdam, falounos dos seus proxectos, centrándose sobre todo na xente e nas diferentes formas de amosala a través do deseño. Sorprendeume moitísimo a diferenza á hora de facer proxectos para organismos públicos que hai entre Holanda e Galiza, e como alí fan cousas que aquí serían practicamente impensables. Un dos seus últimos proxectos (aínda non publicado na súa web) foi coa policía. Imaxinádevos que xente que tivo problemas de abuso de autoridade por parte da policía van vivir cun policía durante varias semanas. E logo, froito das experiencias desas convivencias créase unha obra de teatro 🤯. Cando a DAG publique o vídeo desa charla poderedes ver ese e outros proxectos que me voaron a cabeza.
Miguel Leiro, que foi Premio Nacional de Deseño este ano, tamén foi un gran descubrimento. Falounos do seu traballo como deseñador de produto e gustoume moito a súa lista de dualismos aos que se ten que enfrontar cando comeza un novo proxecto. Algo perfectamente aplicable ao deseño dixital:
A seguinte charla foi de Vítor Queilhas e Horácio Marques falándonos da súa experiencia organizando o LUGA Poster Biennale. O nome «LUGA», que ven de Luso–Galego, débese á idea de ser unha bienal de cartaces entre Galiza e Portugal. A exposición en Portugal celebrouse en Vila do Conde (Porto) e querían levala a Ferrol por ser a vila galega irmandada. Desafortunadamente non foi posible (como sempre, a administración pública galega deixando moito que desexar). A DAG de man de Xosé García e María Ramos participou no xurado onde puideron compartir experiencias con outros destacados deseñadores, incluída a super estrela Paula Scher. Agardamos que para a edición de 2026 Galiza estea máis presente.

A presidenta da DAG, na festa de clausura facendo o baile institucional.
Non me perdín ningunha edición dende o primeiro FEED en 2010 (que daquela se chamaba «FEET»). Sei o traballo que da organizar un evento deste calado, xa que eu estiven involucrado na organización de varios (especialmente o do 2017 cando era presidente da DAG). Cónstame que esta edición foi especialmente complicada e por iso aprecio todo o esforzo do equipo de traballo, liderado por Raquel Boo. Diría que, a nivel de charlas foi un dos meus FEED favoritos. Ademais coñecín xente marabillosa como Vítor, Horácio e Stef, cos que compartín o xantar do primeiro día ou Ismael, deseñador ourensán que vive en Porto deseñando parques infantís para unha empresa canadense. Se nunca fuches a un FEED, non sei a que estas agardando.