Por Óscar Otero —
Markdown é o meu formato preferido para escribir. Creado a finais do 2004 por John Cruber e Aaron Swartz, combina perfectamente o humano e o tecnolóxico, grazas a unha sintaxe sinxela e intuitiva que calquera pode aprender sen necesidade de coñecementos técnicos previos.
Un dos obxectivos que sempre se buscou no deseño é o de simplificar, reducir friccións e ocultar a complexidade. Que as persoas que usen unha interface non teña que pensar no que pasa por detrás. Pero isto levado ao extremo tamén ten os seus problemas, e Ralph Ammer explícao marabillosamente ben no seu artigo Make me think!.
Paradoxalmente, a procura por facer interfaces o máis sinxelas posibles pode levar a crear sistemas aínda máis complexos, ainda que esa complexidade pareza estar oculta. Un exemplo son os sistemas WYSIWYG que visualmente parecen «fáciles» porque podes pinchar e arrastrar, mover cousas e ver inmediatamente o resultado final. Pero son sistemas opacos onde non sabes realmente o que está pasando 1.
O grande logro de markdown foi conseguir un formato transparente e honesto, onde non se oculta nada xa que é texto plano. Poñer un texto en cursiva significa colocarlle asteriscos ao principio e ao final. Crear unha listaxe de elementos faise poñendo un guión ao principio de cada liña, etc. E o resultado é un texto que pode ser interpretado perfectamente tanto por persoas como por software. Esa pequena «fricción» é a que fai o formato tan interesante.
# Receita de filloas salgadas
## Ingredientes
- Fariña
- Caldo de osos
- Ovos
- Sal
## Elaboración
Mesturar os ingredientes para facer o amoado. Usar unha filloeira untada con
touciño para facer as filloas.
LumeCMS, o CMS que fixen para xente non técnica, emprega markdown. Non hai maxia por detrás, a xente que usa a ferramenta non só está actualizando o contido, senón que en certa maneira está escribindo código, está aprendendo algo novo e síntese como se fosen un pouco hackers. É un exemplo do que intentaba explicar no artigo O chan, o teito e as paredes, de entender o deseño tamén como un medio para empoderar ás persoas e axudarlles a medrar. A clave está en proporcionar a dose xusta de fricción para facer o proceso interesante sen resultar frustrante.