Por Óscar Otero —
O outro día púxenme a revisar un disco duro que teño con copias de seguridade de traballos antigos e atopei algunhas cousas de letrag, o meu primeiro proxecto persoal como deseñador e programador web. Entón deume por rememorar o nacemento, vida e xubilación (que non morte) deste proxecto.
Para quen non a coñeza, letrag é unha enciclopedia tipográfica que estiven actualizando durante 6 anos (2004–2010) e aínda hoxe, máis de 15 anos despois, séguese utilizando sobre todo en escolas de deseño. Hai un par de meses, Daniel Portela e Clara Rial entrevistáronme no podcast Movendo marcos da galega e tamén falamos un cacho deste proxecto.
O certo é que lle teño moito cariño porque me serviu como masterclass para aprender a deseñar e programar webs. Naquel tempo tiña unha obsesión moi grande pola tipografía (aínda a teño pero non tan enfermiza) e tamén comezara a experimentar coa web e a tecnoloxía Flash. E letrag foi o resultado de todo iso.
Outra das miñas paixóns naquel tempo era a revista GRRR, unha revista creada por un colectivo de deseñadores de Barcelona chamado do mesmo xeito. A web xa non existe, pero podes atopar algunha cousa en archive.org. Desta revista gustábame todo: contido interesantísimo, deseño rompedor e un nome agresivo e con forza.
Tamén fai falta mencionar a Jano, un moi bo amigo meu, gran deseñador e ilustrador e tristemente falecido. Un día estabamos falando de clasificacións de tipografía e díxome que a letra «g» era moi representativa de toda a familia ao conter elementos comúns co resto de letras ademais da súa forma descendente tan característica.
letrag (en minúscula) sería polo tanto a unión dese nome agresivo (se o pronunciamos como letragh) ou tamén podes chamarlle letra gué (que é como o pronuncio eu). Hai xente que pensa que o «g» é por Galiza. Non foi a razón principal pero tamén é unha feliz coincidencia xa que seguramente sexa a primeira web sobre tipografía e deseño que se fixo en galego.
A única experiencia web que tiña cando comecei o proxecto eran varios experimentos con HTML e Flash. Eu quería facer unha enciclopedia e iso precisa de algo máis avanzando. Comprei un libro para aprender PHP e comecei a experimentar programando cousas moi básicas. Despois dun tempo xa sabía instalar unha base de datos MySQL e crear páxinas web sacando o contido dela. Era un procedemento moi rudimentario pero suficiente para comezar a experimentar xa co deseño.
No disco duro atopei unhas probas iniciais e prototipos que non chegaron a ver a
luz. Creo que son de cando aínda estaba practicando co libro de PHP. Unha das
primeiras ideas era que todo se abrise en popups de 370×510 como se fose un
libro. A nivel técnico, a maquetación estaba feita de imaxes distribuídas nun
elemento <table>, o procedemento habitual nas webs da época.

Primeiros prototipos de letrag pensados para abrirse en popups. O botón «Entrar» da esquina inferior dereita abría o libro. O código de barras lateral era simplemente decorativo. É curioso que daquela xa contaba con chegar a ter unha gran cantidade de tipografías indexadas.
Unha das miñas referencias naquel tempo eran os carteis de Josef Müller Brockmann. Deseño minimalista, cunha forte carga tipográfica e o uso de grellas. Iso levoume a considerar o deseño máis como un cartel que como unha web convencional. Algo moi contrario ás tendencias da época onde as webs tiñan menús cargados de ligazóns e todo tiña que estar á vista.
A primeira versión de letrag real, que conservo grazas a archive.org amosaba unha web 100% tipográfica onde todo o contido estaba nunha columna aliñada á dereita. Os prototipos iniciais que fixera para popups estaban ben pero se quería facer unha web dinámica, collendo a información dunha base de datos, non podía utilizar imaxes para os textos. E como naquel tempo aínda non era posible usar tipografías personalizadas nas webs, tiven que tirar de Arial.

Captura da primeira versión de letrag (2005) sacada de archive.org. O cadradiño gris da dereita é un arquivo Flash que agora non se pode ver e que contiña un texto en vertical cos créditos (seguramente parecido ao código de barras dos primeiros prototipos).
Unha constante en todas as versións de letrag foi o uso do branco e negro. A portada tiña o texto negro sobre fondo branco, mentres que outras seccións como «clasificación» ou «identificar» (a versión caseira do popular Identifont) tiñan as cores invertidas. Este recurso de invertir cores aínda o sigo usando hoxe en día, por exemplo coa web de Font Licensing Mess.

Capturas da sección de clasificación (archive.org). Ademais das cores invertidas, a descrición de cada categoría amosábase ao poñer o cursor encima.
Uns meses despois, a finais de 2005 fixen o primeiro re-deseño. Mantendo a idea de branco e negro pero cunha distribución máis horizontal, usando a tipografía Impact para os textos grandes.

Capturas sacada de archive.org (decembro 2005). Aquí tamén se xogaba coas cores invertidas ao poñer o cursor encima.
Na portada incluía un agradecemento a Álvaro Gómez por me axudar a ser mellor programador. Naquel tempo tíñao acribillado a preguntas sobre PHP e MySQL. E tamén a Berto, que promocionou letrag xusto ao mesmo tempo que lanzaba Chuza!.
Máis adiante tamén engadín a Manolo Barreiro (Ian) que colaborou na web escribindo valiosos artigos: un adicado a Martínez Sousa e outro Giambattista Bodoni.
A web tamén incluía textos meus ou traducións de artigos en inglés. Como grandes fitos, destaco a entrevista que lle fixen a Carlos Núñez que está incompleta porque debín borrar accidentalmente a parte final da entrevista e nunca a puiden recuperar (o perigo que tiña eu daquela como programador). E tamén a que lle fixen a Ruben Prol cando comezaba a facer tipografías baixo o selo Ipanema Gráfica e usaba o alcume de Zé Ogrobe.
En 2006 o proxecto pasou a ter un dominio propio:
letrag.com, que é o que conserva actualmente.
Anteriormente era un subdominio dentro da miña web letrag.oscarotero.com.
Aproveitando o novo dominio, tamén fixen varios cambios. A nivel de contidos, a web foi medrando ao engadirlle unha sección chamada «blogosfera» con ligazóns a outros blogs sobre tipografía e onde tamén se amosaban os posts que ían saíndo (extraídos por RSS). Ou a sección «galería» onde poder ver tipografías aplicadas en logotipos famosos. A estas alturas xa mellorara algo como programador e maquetador e o layout era un pouco máis complexo. Incluso cheguei a facer un chat na portada que na captura non se ve porque estaba feito en Flash pero estaría na primeira columna da zona negra:

Captura sacada de archive.org (decembro 2006).
A zona gris que se ve na captura de portada amosaba ilustracións feitas con tipografía que se cargaban aleatoriamente. Puiden atopar un exemplo grazas a este post de Luis Maram que o poño aquí de novo por se a ligazón orixinal desaparece:

As fichas das tipografías tamén incluían moita máis información. A xente podía votar, detectaba e gardaba nunha base de datos a información das tipografías instaladas que os usuarios tiñan, amosaba ligazóns relacionadas e o máis importante era que podías probar a fonte dende a propia web grazas a un visor feito en Flash. Desgraciadamente non puiden recuperar ningunha imaxe dese visor.

Captura sacada de archive.org. A zona gris contiña o visor para probar a tipografía e que permitía editar o texto, cores, tamaño, entreliñado, tracking etc.
En decembro de 2006 decidín
sacar un blog
ao que lle chamei «Plan B». En letrag tamén había artigos e textos meus pero
quería algo máis informal. Era un blog en WordPress aloxado no subdominio
planb.letrag.com con contido sobre tipografia do máis variado. Incluso había
unha
sección de humor
con chistes tipográficos de Uxío Broullón. Naquel
tempo estaba traballando en Acordar (a mesma empresa que mantiña
Vieiros) e toda a xente que me axudaba en letrag
(como Uxío, Berto, Álvaro ou Manolo) eran compañeiros de traballo.
En 2007 chegou a cuarta versión, que era unha pequena evolución dos deseños anteriores. Agora tamén se amosaban ligazóns sacadas automaticamente de del.icio.us (para os máis novos, unha especie de rede social onde a xente gardaba ligazóns). A idea era que a portada estivese sempre chea de contido actualizado.
Esta época foi, quizais, a de maior esplendor. Tiña bastantes visitas e saía mencionada en varios sitios de referencia como Unos tipos duros.

Captura sacada de archive.org (xullo 2007).
Como dixen inicialmente, letrag serviume para aprender a deseñar e programar webs. Como en todo proceso de aprendizaxe, vas adquirindo coñecementos novos e dándote conta dos erros cometidos. Nesta última versión quería refacer a web completamente dende cero. Había moita débeda técnica e estaba canso do deseño.
A nova versión ten unha navegación máis clara cun deseño máis calmado e elegante, usando tipografías con serifa.

Capturas sacadas de archive.org (setembro 2008).
Teño que recoñecer que o proceso de re-deseño e programación desgastoume bastante e tampouco axudou o feito de ser a sexta versión en 4 anos de vida. Creo que foi aquí onde comecei a sentir cansazo do proxecto. Durante un tempo seguino mantendo introducindo novo contido, pero pouco a pouco foi quedando abandonado para enfocarme en novos proxectos ata que deixei de actualizala máis ou menos sobre 2010.
En 2016 movín o código a GitHub e aí
podes ver o mal programador que era (e iso que é a última versión que
supostamente era a mellor). Tamén está subido un arquivo .sql con todo o
contido da base de datos. O xestor de contidos, chamado «xestoom» e programado
por min, xa ía pola versión 4. A miña relación cos xestores de contido tamén
daría para un post aparte.
Manter un sitio dinámico en PHP require dunha certa dedicación. De vez en cando a base de datos caía e había que reiniciala (teño recibido mensaxes do tipo «ei, letrag non funciona»), e tamén había moitísimo spam no sistema de comentarios (que era totalmente aberto e inseguro) asi que decidín facer unha limpeza e deixar só os comentarios de xente real e eliminar a posibilidade de meter máis.
En 2022 decidín facer unha versión estática para non preocuparme máis de xestionar o servidor. Xa que non ía meter máis contido, tiña moito máis sentido simplemente xerar os HTMLs finais e listo. Daquela xa tiña o meu proxecto Lume e grazas a un script para volcar toda a base de datos en arquivos Markdown, puiden facer unha versión moito máis reducida pero estable, deixando só o contido realmente interesante. Agora do único que me teño que preocupar é de renovar o dominio todos os anos (ben, xa nin eso porque se renova automaticamente).
Algunha vez teño pensado en se ten sentido retomar letrag e facer algo máis moderno, pero creo que é mellor deixalo así. Foi un proxecto bonito no que aprendín moitísimo e, indirectamente, me abriu moitas portas. Creo que é un reflexo do seu tempo, e paréceme ben que continúe sendo así.