Interfaces que queren ser libres

Por Óscar Otero

No mundo do deseño dixital, temos fluxos de diferentes tipos. Un dos máis comúns é o chamado «transaccional», o típico proceso lineal cun obxectivo claro: pedir cita médica, reservar mesa nun restaurante, pagar o carriño da compra etc.

Por outro lado, existen aplicacións ás que podemos definir como «creativas» onde non existe un obxectivo definido ou este pode cambiar ao longo do proceso. É o que empregas para deseñar, editar imaxes, escribir texto, crear follas de cálculo, montar presentacións etc.

Este tipo de aplicacións máis abertas require dunha mentalidade diferente á hora de deseñalas. Non son procesos lineais cun principio e un fin, senón que son sistemas máis xenéricos que posibilitan casos de uso non contemplados inicialmente.


Lea Verou —unha das miñas grandes referentes— escribiu hai tempo un interesante artigo onde confronta os dous extremos que pode ter o deseño dunha interface dixital:

Ás veces, as solucións overfitting resultan demasiado ríxidas e acaban sendo substituídas por eigensolutions.

Por poñer un exemplo, durante bastante tempo estiven buscando a mellor maneira de gardar notas e listas de cousas para facer. Probei varias aplicacións de tipo to–do list, especializadas en solucionar este tipo de problemas. Case todo o que probei seguía a mesma liña, permitindo crear listas, poñerlles data, descrición, etiquetas, marcalas como feitas, agrupalas etc. As máis avanzadas incluso permitían compartir con outras persoas ou configurar notificacións. Finalmente decidín que o mellor para min era gardar as notas en arquivos de texto (ou markdown no mellor dos casos), usando un simple editor de texto. Pasei de buscar unha solución overfit a una máis xenérica.

Folk interfaces

Pensando neste tipo de aplicacións lembreime do artigo de Maggie Appleton falando das folk interfaces, termo para referirse a cando a xente se apropia dun software existente e o utiliza dun xeito creativo e inesperado para resolver os seus propios problemas. Por citar algúns exemplos, hai xente que utiliza o Illustrator para maquetar facturas, persoas que se auto–envían mensaxes de Whatsapp para gardar anotacións ou que empregan o Excel de formas moi variadas. As eigensolutions son bastante propensas a converterse en folk interfaces.

Image

Son Goku debuxado con Microsoft Excel (por reijr)

Seguramente ningún destes casos de uso estaban previstos orixinalmente. Conseguir que unha interface se converta nunha folk interface é o obxectivo ao que todos deberíamos aspirar. Xa sei que non todos os deseñadores están cómodos con esta actitude, pero ver que o sistema que deseñaches esta sendo empregado de formas creativas e inesperadas cáusame alegría e curiosidade. No fondo, as folk interfaces é o equivalente a pechar a leira cun somier, pero en versión dixital.

Ás veces, isto pode estar incluso buscado. Lembro que a comunidade de WordPress creou o MOBA (Museum of Block Art) coa idea de explorar as capacidades do sistema de bloques de Gutenberg para crear «arte». Unha amiga pediume colaborar e acabei facendo un robot interactivo que cando pinchas nun botón apágase —realmente eran dúas pezas diferentes e o botón simplemente era unha ligazón para ir dunha á outra. Un claro exemplo de folk interface usado para facer parvadas.

Ti: É cousa miña ou a túa «obra de arte» vese como o carallo?

Eu: Efectivamente, a versión exposta vese mal. Polo que me dixeron, o tema de WordPress que tiña cando montei os debuxos é diferente ao que se usa no museo e iso parece que afecta á configuración dalgúns bloques. Así é como se deberían ver:

AI on AI off