Por Óscar Otero —
Dende a DAG levamos 3 anos traballando na creación dun arquivo online onde podermos coñecer pezas de deseño interesantes feitas en Galiza. Cando comezou o proxecto en 2023, éramos só 4 persoas recollendo e clasificando recursos onde atopar información sobre o deseño galego. Había de todo: libros, artigos, vídeos, páxinas webs, museos, fundacións, bibliotecas etc.
Uns meses despois, cando xa tiñamos un certo volume de contido fixemos público o proxecto AR\DE, estreando a imaxe corporativa e a web que nos fixo Desoños. A acollida foi moi boa e incluso houbo xente que se uniu ao proxecto ao coñecelo.
Durante todo este percorrido, tamén se fixo un «podcast», chamado Rexistro sonoro do deseño galego onde se poden escoitar as reflexións de profesionais de deseño dende a súa propia voz. Unha iniciativa que penso que collerá máis valor segundo pase o tempo. Oxalá tiveramos algo así coas reflexións dos que nos precederon.
Pero aínda con todo isto, AR\DE non era o arquivo de deseño ao que aspirabamos, só unha base de datos de recursos para consultar. Non foi ata 2025, grazas ao traballo incansable dun equipo de persoas de diferentes perfís e coordinadas por María Ramos que saíu a primeira versión, esta vez si, do Arquivo do Deseño Galego. O resultado podédelo ver na nova web, adaptada de novo por Desoños para dar acubillo ao novo contido.
A miña colaboración en AR\DE neste último ano foi un pouco escasa por falta de tempo. A ver se neste 2026 podo axudar algo máis.