Ola mundo

Por Óscar Otero

De vez en cando sinto a necesidade de comezar a escribir cousas de deseño, especialmente despois de descubrir algo interesante que quero compartir. Escribir un blog é algo de vellos, ou iso din. Non pasa nada, eu son vello.

O caso é que Internet evolucionou de tal xeito que cada vez é máis artificial, inhóspito e menos interesante. Tampouco é que antes fose a panacea, pero tiña a esperanza de que fose indo a mellor. Agora só interesa o engagement e calquera sitio que visites parece que che estea intentando vender algo. Por iso decidín crear este sitio. Unha especie de xardín dixital onde poder compartir aquelas cousas que me pasan pola cabeza. Tamén me servirá para mellorar a miña escritura. Cada vez que leo algo ben escrito sinto envexa, nunca me gustou moito ler o que escribo porque me da a sensación de que por moito que o retoque, hai algo que falla, fáltalle naturalidade e fluidez. Supoño que é cuestión de práctica, de seguir insistindo.

Hai tempo fixera un boletín online chamado conxeito que chegou ás 20 entregas. Antes diso tiven algún que outro intento de blog pero a enerxía durou pouco. Nesta ocasión quero tomalo con calma. Máis que un «blog», quero que sexa un «conxunto de anotacións» (así tampouco soa tan vello). Algunhas notas serán longas, outras máis curtas. Non terá periodicidade fixa, irá medrando de forma desigual. De vez en cando sairá algunha mala herba, igual que pasa nos xardíns de verdade.


Por suposto, o sitio está feito con Lume —que para algo o fixen— e podes subscribirte por RSS. O código está nun repositorio privado de Codeberg e o sitio está aloxado en Netlify. O dominio compreino en Dinahosting por 13€ (grazas ao desconto por ser socio da DAG). Como revisor ortográfico estou usando OrtoGal.