Por Óscar Otero —
Case todos os que nos dedicamos ao deseño temos algunha historia de cando eramos nenos. A maioría fomos rapaces ou rapazas aos que lle gustaba debuxar e pintar, e que facían fancines, debuxaban letras, graffitis e/ou retratos dos compañeiros da escola. O meu caso encaixa perfectamente neste arquetipo e engado un máis: portadas de discos.
Cando ía ao instituto e comezaba a ter o meu propio gusto musical —totalmente influenciado pola pandilla coa que me movía—, o normal era prestar e intercambiar música gravada en casettes. Estamos a falar de principios dos 90's e os CDs regravables aínda non existían ou eran demasiado caros.
Para min, a colección de música era o máis valioso, e adoitaba copiar a portada de cada disco, empregando os típicos lápices de cores Alpino sobre un folio recortado para que entrase na caixa do casette. Anos despois, tiven a feliz idea de escanear eses debuxos e subilos ao Facebook. Hoxe en día non sei onde estarán os casettes cos debuxos orixinais pero puiden recuperar as 52 copias dixitais. Como este blog pretende ser o meu pequeno xardín dixital, que mellor lugar para subir aqui as portadas e evitar que se perdan. Como podedes ver, os meus gustos musicais reducíanse en rock clásico e folk galego.