Por Óscar Otero —
Tobias van Schneider dicía hai 4 anos que as novas xeracións de deseñadoras e deseñadores non teñen «heroes» da súa época. Todos coñecemos a Otl Aicher, Massimo Vignelli ou Paul Rand, pero quizais faltan referentes, sobre todo en deseño dixital e Web, que estean agora en activo e que inspiren, abran camiños e rompan as regras establecidas.
Aínda estando de acordo con Tobias, si que creo que hai xente que vale a pena seguir. Deixo aquí tres exemplos actuais.
Non é realmente deseñadora web, senón máis ben deseñadora de estándares Web. Moitas das últimas novidades CSS para traballar con cores, facer cálculos matemáticos ou crear estilos en base a unha condición, foron impulsadas por ela. Deseñar estándares Web non debe ser tarefa fácil. Require grandes capacidades de comunicación para argumentar todas as decisións, poñer de acordo a xente con diferentes opinións e saber ceder e aceptar cando non tes razón. E despois ter a paciencia necesaria para que, con sorte, dentro duns anos se acabe aprobando (ou non) unha proposta final e se comece a implantar nos navegadores.
Pero ademais de definir estándares, Lea ten un gran coñecemento en deseño de interfaces grazas ao seu background en HCI que a levou a reflexións tan interesantes como o concepto Eigensolutions, a xestión do esforzo e a complexidade en interfaces, a mellor forma de seleccionar o modo claro/escuro nas webs ou temas máis persoais como a busca da felicidade no traballo. Textos onde o deseño e a tecnoloxía están ao servizo das persoas.
A Marcin coñecino polo proxecto Shift Happens, un fermosísimo libro sobre a historia dos teclados, cuxa evolución fun seguindo por medio dunha newsletter. Desgraciadamente o libro está esgotado e non o puiden conseguir. Oxalá se faga unha nova edición.
Traballou durante varios anos como director e arquitecto de deseño en Figma, xusto despois de ser líder de deseño e tipógrafo en Medium. Recentemente sacou Unsung, un blog sobre deseño e artesanía na construcción de software. Aquí podes aprender o que é o modelo de queixo suízo, descargar antigas guías de deseño de interfaces, ou ler a súa análise de por que fracasou a touch bar de Apple. A verdade, vendo a súa web pregúntome de onde sacará tempo para facer tantas cousas.
Maggie é o resultado de xuntar deseño, antropoloxía e tecnoloxía nun único perfil. Na súa web (ou mellor dito, no seu xardín dixital) atopamos cousas tan xeniais como un catálogo de padróns de deseño froito da súa propia observación e investigación, ou diversos ensaios onde trata temas sobre as metáforas na web, os xardíns dixitais e cousas máis persoas agora que acaba de ser nai hai pouco.
Nos últimos catro anos estivo máis involucrada no mundo da intelixencia artificial (actualmente traballa en GitHub e nos dous empregos anteriores tamén había un produto baseado na IA), un tema que, persoalmente, me aburre bastante, pero aínda así sempre é recomendable tela no radar.
Hai moita máis xente que sigo, pero gárdoos para outro día.