A tipografía máis persoal de María Ramos

Por Óscar Otero

A fundición tipográfica NM type lanzou esta semana Sastre, unha fermosa serifa que consegue algo dificilísimo en deseño tipográfico: xuntar nunha mesma fonte uns trazos con personalidade e a neutralidade e lexibilidade necesarias para usar en textos longos, escapando do display.

Ademais, o lanzamento inclúe unha web especial, creada polo estudio lucense Sond3, e un artigo de María Ramos onde fala das orixes do deseño e a súa evolución, dende a idea inicial de facer unha tipografía orgánica e matemática inspirada na natureza, ata acabar nunhas formas máis humanas e persoais grazas á conexión co seu pai Manuel Ramos que traballou como xastre.

Web oficial da tipografía

Un proceso lento, de varios anos de maduración e que dou como resultado o que —na miña opinión— é o mellor traballo de NM type ata o momento e unha das miñas novas tipografías favoritas. Ademais, tanto a web promocional como o artigo están dispoñibles en galego e en inglés. E que todo neste proxecto está ben!