Os textos de letrag

Por Óscar Otero —

Nos primeiros anos do proxecto letrag, do que xa falei neste post, había unha sección chamada «Textos» onde cada certo tempo poñía unha reflexión ou comentario sobre o mundo da tipografía. Esa sección desapareceu, vítima de redeseños posteriores.

Como este sitio pretende ser unha especie de xardín dixital onde ir recompilando cousas miñas, pensei que sería boa idea poñer aquí os textos que aínda son accesibles dende Archive.org (desafortunadamente, só son 5 dos preto de 20 textos que podería haber). Están escritos en 2005, naquela época tiña uns 25 anos e aínda estaba na miña primeira época nisto de ser deseñador, polo que tampouco sexades demasiado esixentes. Os únicos retoques que lle fixen foi poñer algún salto de liña (vese que naquel tempo aforraba en parágrafos) e corrixir algún erro ortográfico.

#10

Na profesión de deseño gráfico existen un gran número de palabra tabús como PC (a prol do Mac) ou Corel (no canto do Illustrator) pero quizais a máis repudiada sexa a palabra Comic Sans.

Tanto é así que xa traspasou os límites profesionais para converterse nun tema común de persoas con afinidade polo deseño ou tipografía. A asociación Ban Comic Sans dedicase a loitar contra ela para erradicala dunha vez por todas, mentres que polo outro bando, a Comic Sans Appreciation Society deféndea con uñas e dentes.

O certo é que non deixa de ser un simple xogo que comezou coa sobreutilización e, sobre todo, mala utilización que sufriu dende a súa creación, alá polo 1995, a mans de Vincent Connare, que incluso chegou a recoñecer que xa estaba cansado de vela impresa en todos os sitios. Pero vendo esta batalla dunha maneira máis obxectiva, cabe dicir que a Comic Sans no é tan mala como a queren poñer uns, nin tampouco tan bonita como declaran os seus defensores.

Esta naceu como tipografía de pantalla, para empregar en globos de diálogo a modo de cómic, de feito foi inspirada nos cómics de Marvel e DC e a verdade é que funciona bastante ben xa que é moi lexible a tamaños pequenos sen perder as características caligráficas e estética de comic. Outra cousa é que algúns deseñadores ou aficionados a empreguen para fins distintos ao que foi concibida (algúns realmente moi pouco afortunados) como menús, rótulos ou incluso documentos importantes. Neste caso o culpable non creo que sexa a ferramenta, senón quen a utiliza. Sería como querer facer desaparecer o correo electrónico, porque algunhas persoas o empregan para enviar spam.

#11

Manifestog:

#15

A Office For Harmonization In The Internal Market (Oficina Europea de Harmonización do Mercado Interior), adicada a patentar todo tipo de gráficos e deseños, considerou inválido o rexistro da Segoe, a nova tipografía que Microsoft creou para o seu Windows Vista.

Esta negación (PDF) débese a que é completamente idéntica á Frutiger Next, unha revisión feita no ano 2000 por Adrian Frutiger e o equipo de deseño de Linotype da Frutiger orixinal, que data de 1976.

O certo é que esta decisión resulta algo polémica porque aínda que seguramente houbo plaxio, non sería a primeira vez que Microsoft fai algo parecido. Podemos recordar a versión da Palatino que Microsoft sacou baixo o nome de Book Antiqua, a Zapf Chancery da que sacou a Monotype Corsiva ou a Monotype Bookman Oldstyle que se fixo a partir da Bookman. A pregunta é por que antes non e agora si? e xa postos, por que lle custará tanto a Microsoft comprar unha tipografía en vez de andar con ese tipo de artimañas? Por falta de cartos non creo que sexa.

#18

En web, a experimentación tipográfica está moito máis limitada que en papel, polo menos sen botar man de imaxes ou flash. Segundo as votacións efectuadas ata o momento en letrag, as tipografías máis comúns polos usuarios son a Arial e a Verdana (existentes no 99% dos computadores), seguidas moi de preto pola Arial Black, Courier New, Comic Sans o a Impact.

O certo é que, pese o limitado número de tipografías dispoñibles, existe unha variedade de estilos adaptable a cada web. A Arial é a opción perfecta para aqueles deseños onde as grotescas ou neogrotescas (Helvética, Univers, Franklin Gothic) proporcionan identidade ou estilo á web. A Impact e a Arial Black son tipografías moi pesadas, ideais para títulos e textos destacados. Para deseños máis modernos e cálidos, onde se soe botar man de tipografías sen serifas de estilo humanista como Rotis Sans Serif, Frutiger ou Myriad, a mellor opción é a Trebuchet. E como tipografía de texto con serifas a Georgia é case indiscutible, facendo as funcións da Times New Roman ou a Garamond sobre papel. A Verdana ou a Tahoma son unhas pao seco moi lexibles, aínda que a ausencia da versión itálica desta última limita moito o seu uso.

De todos xeitos, o css posúe a gran característica de poder definir un conxunto de tipografías favoritas que no caso de non estar dispoñible unha, pasaría a empregar a seguinte da lista. A Garamond, por exemplo, está instalada no 79% dos computadores pero a GarmdITC Bk BT é a seguinte da lista co 10% e a AGaramond a terceira co 9%, polo que se xuntamos as tres poderemos obter preto dun 85% de usuarios. Isto permite facer unha lista de tipografías como por exemplo: Garamond, GarmdITC Bk BT, AGaramond, Georgia, Times New Roman. Por que conformarse coas 5 ou 6 tipografías de sempre? Por que empeñarse nunha tipografía concreta cando o que queremos é un estilo particular? Por que non arriscarse a empregar un alfabeto menos común deixando as máis comúns como opción seguinte? Coñecendo as formas e características das letras podemos facer webs máis variadas e interesantes a nivel tipográfico.

#19

Lazar Lissitzky, artista ruso nacido en 1890, dedicou a súa vida a múltiples actividades como a pintura, a fotografía, a arquitectura e por suposto o deseño gráfico e a tipografía. Entre as súas achegas neste campo atópase o libro Topografía da tipografía (1923) de onde X. Carlos Hidalgo extraeu algúns apuntes xeniais que a pesares dos anos transcorridos dende a súa publicación, manteñen todo o seu interese e seguen sendo aplicables hoxe en día. Agradecemento especial a Carlos pola súa colaboración con letrag.

Topografía da tipografía
(Lazar Markovich Lissitzky, Merz, 1923)