Todo igual

Por Óscar Otero —

Gustoume moito o artigo de Hipuku «The Default is not a Design Decision» sobre como se foi exercendo o deseño nos últimos 10–15 anos. Unha uniformización progresiva, resultado do uso das mesmas ferramentas, os mesmos frameworks e as mesmas referencias visuais por parte de todos os profesionais.

O curioso é que moitas das «boas prácticas» no deseño dixital actual teñen sentido. Tipografía sen serifa (normalmente Inter), tamaño 16px que en textos máis grandes aumenta a 20px, 24px, 32px… O uso de grises cunha cor primaria (normalmente azul). A distribución de elementos en cards, o menú lateral. Todas estas cousas teñen unha razón de ser e, porén, fai que todos os produtos dixitais sexan moi parecidos, e as súas interfaces totalmente intercambiables.

Moitas destas decisións son os valores que veñen por defecto en Figma, ou están xa preconfigurados nas bibliotecas UI de moda, ben sexa shadcn, Tailwind CSS ou Material Design. Os deseñadores simplemente nos deixamos levar por esa corrente e replicamos o que outros decidiron por nós.

E por suposto tamén me inclúo neste grupo. Actualmente estou traballando en Cluber cuxa interface encaixa perfectamente coa estética dominante. Na miña defensa direi que moitas destas decisións foron conscientes xa que a cultura de deseño da empresa antes de min era practicamente inexistente, e considerei que sería moito máis doado tirar de solucións xa coñecidas e probadas.

Pero incluso empresas cunha maior cultura do deseño e con recursos suficientes para explorar e investir en propostas innovadoras acaban igualmente replicando os mesmos patróns.


E, por se fora pouco, chegou a «intelixencia artificial» que non só non mellora a situación (supostamente ía potenciar a nosa creatividade e produtividade), senón que afonda moito máis no problema, xerando os mesmos deseños trillados unha e outra vez.

Heydon Pickering, no seu último artigo The AI Artist Paradox fai unha interesante reflexión sobre a autoría da arte realizada con «IA». Unha reflexión que tamén se podería trasladar ao mundo do deseño.