Xogar ou romper a baralla

Por Óscar Otero

Acabei de ler recentemente o libro Inteligencia Artificial: Jugar o romper la baraja de Margarita Padilla. Pódese comprar o libro físico na tenda online ou lelo gratuitamente descargando o PDF (que foi o que fixen eu).

O libro trata o tema da «intelixencia artificial» dende diferentes puntos de vista, tanto a nivel tecnolóxico, como filosófico e social, achegando varias estratexias e ferramentas para podermos convivir con ela de maneira máis informada e combater os nesgos e discriminacións que pode xerar.

Persoalmente, gustoume moito a parte filosófica onde se reflexiona sobre a relación que os humanos temos coas máquinas, e explica a posición de varios filósofos que trataron ese tema no pasado como Marx, Heidegger ou Simondon.

Tamén resulta clarificador o intento de describir o que é «intelixencia artificial» e ver como nolo están vendendo como un gran paquete envolto en celofán, o que lle facilita moito a vida ás grandes big tech porque reduce a conversa a un estado binario: estás a favor ou en contra. A realidade é ben máis complexa, e ese paquete pódese romper en cachos moi diferentes entre si. De feito, deberíamos deixar de dicir intelixencia artificial e comezar a chamarlle a cada cousa polo seu nome.

En fin, un libro máis que recomendable que che abre a mente e proporciona ferramentas para crearmos un xuízo propio sobre este tema tan complexo.